Nova e artista é un binomio raro na música galega. Pero iso é Alba María. Alumna da Escola Livre da Música Popular Galega, de aCentral Folque, gañou do I Concurso de Canción de Autor de Teo. E grazas aos organizadores do Certame, a aCentral Folque, e ao saber facer dun excelente elenco de músicos profesionais que a acompañaron, con só 19 anos, deu luz a “Aínda”, o seu primeiro disco.
ALBA MARÍA naceu en 1995 nas Palmas de Gran Canaria. Até alí levou a familia o seu pai, daquela traballador dos asteleiros vigueses, e alí naceu e pasou os primeiros anos da súa infancia. A música canaria arrolouna nestes primeiros anos e aínda conserva ese legado, mais sería a súa avoa a que a animou ao canto. Estudou música no CMUS de Vigo e participou en diversos certames de poesía e improvisación, sendo unha destacada poeta e regueifeira. En 2013 comeza os seus estudos de canto na Escola Livre da Música Popular Galega, de aCentral Folque, e en 2014 preséntase e gaña o I Concurso de Canción de Autor organizado polo Concello de Teo. A partir de aí a súa vida artística dá un xiro xa que o premio consiste na gravación dun disco e aCentral Folque ocúpase da súa edición. Aí comeza a xestación de “Aínda”, un disco que contou cos arranxos dos cubanos José Manuel Díaz e Alejandro Vargas. O resto da sonoridade conséguea rodeándose un afamado elenco de músicos do folque e de jazz entre os que se atopan Pedro Pascual (Marful), Felipe Villar, Óscar Fernández (Os Cempés), Carlos Freire, Gutier Álvarez…
Malia a súa xuventude, a madurez da súa voz e a mestría das súas composicións convirten a “Aínda” nunha forte aposta discográfica que se presentará no Culturgal 2014 e que estará de xira todo ao longo do 2015. Para os concertos de presentación do disco contará, ademais da súa voz, con tres músicos de excepción: Felipe Villar (guitarra), José Manuel Díaz (contrabaixo) e Carlos Freire (percusións). Un cuarteto que leva a música galega ao máis alto coa saiba máis nova que se pode atopar neste momento na escena musical galega. Música, poeta, regueifeira, actriz…
De si mesma di Alba María: “Observo o agora, volto os ollos cara a outros lugares. Dou unha reviravolta e camiño por unha morna, unha bossanova, un blues, algo de swing que me vén petar á porta do peito. E teño moitos nomes, chámome como quero dependendo da marea. Pero sempre remato na ría, nas doces cordas da zanfona, no puño con ou contra a pandeireta, e o fol do acordeón collendo todas as brisas dos meus dezanove anos. E son moitas Albas, as Albas que fican nas cancións que vou creando, e as Albas que perdo cando sae o canto para fóra. Desde a ironía e desde a dozura. Observo, observo e nunca remato de observar o agora”.